Meizoso,
Zarzo
O primeiro atravesa o Concello bañando ás parroquias de Adragonte e Quintas, pasa polo Batán, Lanzós, Souto Vello, Lavandeira, Os Penedos, Donín, Cal das Manicas, Frebedas e Pico de Abaixo para ir desembocar ó Mandeo no lugar de Teixeiro.
Os veciños de maior idade da parroquia de Quintas poden lembrar a existencia dun manancial de “augas medicinais” nunha pena deste río no lugar de Lanzós. A ela acudían nos meses de verán, xa que no inverno o caudal do río cubría a pena imposibilitando o acceso ós poucos veciños que coñecían a súa existencia e que lle atribuían efectos beneficiosos para o reuma e a tensión. A crenza dos efectos curativos desta auga debíase a que desprendía un olor especial e tiña un sabor similar ás coñecidas, e recoñecidas como medicinais, augas sulfurosas do Bocelo.
Moi preto destas augas e seguindo a canle do río, podemos atopar restos de varios muíños que estiveron en funcionamento ata finais dos anos sesenta, polo que son recordados por tódolos veciños da parroquia. Encádranse dentro dos denominados “Muíños de Herdeiros” xa que tódolos habitantes dispoñían de “pezas” para utilizalos, así o dono do terreo no que se construíu un dos muíños, dispoñía de catro pezas que lle daban dereito a moer dous días e dúas noites cada quince días.
Trala moa, xeralmente de centeo e maínzo, cada veciño elaboraba o seu propio pan, xa que tódolos fogares contaban cun forno, ou incluso dous, un para utilizar no verán e outro no inverno.
Na actualidade tan só podemos atopar restos de algún dos tres muíños cos que contaba a parroquia de Quintas -Muíño Novo, Muíño de Lousado e Muíño do Ferreiro- como consecuencia do desuso provocado polos avances da modernidade.
O río Zarzo (afluente do Mandeo), é o máis característico de Irixoa, xa que discorre en case a súa totalidade polo seu terreo, ata desembocar no Mandeo, no termo de Paderne, pasando por Esperela e Vigo. A zona occidental pode encadrarse dentro das Mariñas, especialmente na súa parte noroccidental, bañada polo Lambre, que desemboca na Ponte do Porco.
|