Ata a súa construcción os días de mercado en Sada os veciños de San Pantaleón das Viñas levaban os productos para a venda dun lado o outro da ría, nunha barcaza que xa estaba preparada pagando un real por persoa en concepto de pasaxe.
Esta obra de inxenería marcou un fito na vida das xentes da nosa comarca, tanto polo que supuxo en canto a comunicacións como polos avances que se empregaron na súa construcción.
O primeiro proxecto sobre a ponte foi elaborado polo enxeñeiro de camiños Luciano Yordi. Do mesmo a penas sabemos máis que ía levar unha altura duns 13 metros sobre a ría. As tarefas de execución foron comezadas paralizándose logo polas protestas dos veciños.
César Villalba Granda faríase cargo de elaborar un novo proxecto no ano 1928. Tardarían cinco anos en comeza-las obras. A construcción da liña de ferrocarril Zamora-A Coruña neses mesmos anos ía a restar atención á ponte.
Primeiramente fíxose cargo unha empresa, parece ser que vasca, pola cantidade de 1.406.999,81 ptas., e foi substituída no ano 35 por outra de orixe italiano, empresa esta que tivo que asumi-los erros cometidos pola anterior. Fíxose obrigado o reforzamento dunha das pilastras centrais afondando pilotes e ancheando a base e, por ende, houbo que destruí-lo arco inmediato para levantalo de novo.
Xa no ano 1936 estaba disposta a armadura metálica para ser colocada no tramo central, máis o estalido da Guerra Civil ía supor o abandono dos traballos.
|