Son un conxunto de muíños situados nunha fermosa carballeira no lugar de Teixeiro. Sitúanse un a continuación doutro, ata cinco seguidos, aproveitando a auga do Rego Mainzoso. Os muíños devolven a auga ó río unha vez utilizada para moer, pero hai casos como este no que a mesma auga pasa dun a outro por medio dun enxeñoso dispositivo de canles e comportas. Un conxunto coma este é algo moi singular, por un lado téñense que dar unhas condicións físicas, precísase un terreo moi empinado de maneira que o desnivel sexa suficiente para aproveita-la auga e, por outro, económicas, xa que tiña que haber moita producción de gran para que fose necesario concentralos no mesmo lugar.
Son unhas construccións moi antigas, todas teñen planta rectangular, e van desde os cinco por seis metros do máis pequeno ata os doce por seis metros do maior. Os muros, con espesores próximos ós sesenta centímetros están feitos con cachotería de xisto, a cantería de granito reservouse para abrir ocos nas fachadas (portas e ventás), e tamén para os cubos (depósitos onde se almacenaba auga para moer). A cuberta era de tella do país, cubríanse todos a unha auga excepto o cuarto, de maior tamaño, dado que tamén albergaba vivenda, no que o tellado facía dúas augas. É interesante ve-los infernos (especie de túnel no que entra a auga e acciona o rodicio) con grandes pezas de cantería e estructura de falsa bóveda, hoxe xa non se poden ve-los mecanismos (rodicios, eixos, capas, moexas, etc.). Máis abaixo, na beira do Mandeo está o muíño de Teixeiro, unha maquía máis nova que moía coa mesma auga pero as súas características non gardan relación co conxunto anterior.
|