Castro
de San Mamede
Está situado no extremo noroeste da aldea de San Mamede, parroquia de San Xulián de Vigo, moi próximo ás casas do lugar de Longra inmediato á Capela. Este castro ven a representar unha especie de baluarte defensivo, estratexicamente situado e parello co de Areas franqueado, por unha banda, polas ribeiras do Meizoso, afluente do Mandeo sobre o que domina, na marxe oposta, o deteriorado castro de Espenuca.
Chégase a el desde a estrada de Betanzos a Vilalba, nos quilómetros 4 e 7, por senllas pistas asfaltadas, abertas con motivo de concentración parcelaria naquelas parroquias.
Cunha altitude de 270 m sobre o nivel do mar supón, senón a cota máxima deste contorno, si, cando menos, unha das máis sobresaíntes con dominio sobre o altiplano.
Pola súa defensa é un dos castros mellor conservados dos existentes no contorno. Conserva o muro defensivo de boa factura, e as tres cuartas partes do seu perímetro, sendo máis elevado pola banda Leste (E) onde tan só se interrompe para deixar paso á única porta existente. Na banda oposta (W) o muro irá progresivamente perdendo altura, ata desaparecer ó mesmo nivel do reiano interior.
A defensa é única, máis notablemente sólida, a tal punto que, á esquerda da porta, o talude exterior alcanza unha magnitude de 18 m e 9 m no parapeto correspondente. O resto do talude ronda os 15 m, representando por iso todo un exemplar de recinto inexpugnable; só comparable a castros como os de Revillón e Vilariño, no municipio de Sobrado dos Monxes.
Non existe dobre muro defensivo, a excepción de dous pequenos lenzos paralelos entre si que franquean outros tantos fosos na parte noroeste. A porta atópase ó final dunha rampla que accede ó interior en forma de curva, xirando de Sur a Oeste, para continuar logo cun camiño recto e central, que divide o recinto en dous semicírculos con muros de pedra; a misión deles case é o deslinde das diversas tenzas de monte nas que hoxe está dividida o castro. No Oeste non existe defensa e o interior morre directamente sobre a propia pendente do monte que nesta parte é moi acusada, bañada no seu pé polas augas do río Meizoso.
|