"Lagar de Vilamourel na actualidade, inaugurado o 8 de novembro de 2008"
----------------------------------
Atópase na parroquia de San Xoán de Vilamourel. Este lagar centenario que tranquilamente podería ter mais de 250 anos, está á beira do camiño, un pouco máis abaixo, contaba antigamente cunha xurreira, (que agora non está) que era a canalización que naqueles tempos había para que saíse a auga, xa que é unha zona na que nace, contribuíndo así o deterioro da construcción.
Está composto por unha enorme viga que trouxeron doutro lagar da parroquia de Quintas, da caso do Xuncal segundo testemuñas dos veciños que o usan.
Anteriormente contaba cun fuso de madeira que ó longo do tempo, e debido ós poucos coidados que se lle proporcionaron, foise gastando sendo necesario que un carpinteiro da zona fixese outro.
Este outro non saíu perfecto xa que a madeira debía estar un pouco verde e terminou durando 3 ou 4 temporadas polo que a persoa que se encargaba deste lagar tivo que poñer outro cunha cruceta debaixo, sendo o actual.
O fuso que tiña vello, o que estaba metido debaixo, posuía unha cabeza cun rebaixe no que ían metidas unhas madeiras en horizontal porque a pedra posuía un oco por riba no que se metía a cabeza do fuso. Esta pedra tiña catro caras, sendo a máis ancha a de debaixo; polos laterais tiña uns rebaixes ata o medio e aí metíase unha madeira moi axustada que, como era máis ancha por debaixo, facía de embude. Na parte alta posuía unhas madeiras en horizontal que, enganchadas nas de debaixo, facían que o fuso prendera na madeira e esta non lle permitise escapar.
Na parte superior aínda se conserva a cuncha vella. A viga ten un burato cuadrangular polo que se mete a cuncha atravesándoa. A cuncha é atravesada en vertical polo fuso cara arriba, para subir e baixar; así mesmo, o fuso vello, que era de madeira, tiña outro burato horizontal preto do extremo para meter un pao atravesado a fin de ir virando e botando por el; estaba tan engraxado que coa forza que facía a pedra desviábase soa ó estar colgada, polo que tiñan que utilizar unha estaca evitando así que se movera para atrás e dese algún que outro susto posto que cando pillaba a algún descoidado ó soltarse pegáballe un bo pao.
Na parte de atrás, na parede, conta cun oco con dúas pedras que teñen un burato en vertical á altura duns 50 cm, a viga conta con outro burato que coincide con ese e no que se metía un eixo, polo que a parede posúe un rebaixe en horizontal para poder metelo a través das dúas edras que están en vertical e que a viga quede aí agarrada.
As pedras anteriores teñen un dintel por enriba como o dunha casa, moi forte, de onde arranca a parede coa viga que está encintada en madeira para que non abra e non se escape para os laterais. Conta cunhas madeiras duns 10 x 25 cm de groso e 2,60 m aproximadamente que acabaron corroéndose e foi preciso repoñelas cun pouco de cemento. Van amarradas no tellado e a viga cando sube e baixa vai guiada por aí. Cando o lagar non traballa introdúcese un pao atravesado que permite colga-la viga enriba do fuso.
Pasando a describi-lo proceso de extracción do mosto; onde se apreta antigamente contábase co trouso, que era onde se botaba a maja. O trouso era de madeira, pero ó deteriorarse cambiouse por un de pedra que é o actual. O novo ten un tubo de fronte que bota o líquido para fóra a unha altura polo lateral de 20 cm toda a volta. Na parte de abaixo ten un círculo cravado na mesma pedra que vai a dar ó tubo que bota o viño. Cando se introduce aí a maja métese sempre por dentro do círculo, primeiro polas beiras e logo no medio para ir prendendo a primeira tratando de poñela curiosa ata chegar a unha determinada altura na que xa non colle máis; así é que algún poñía moitas veces demasiada e iso non permitía a saída do viño.
Para realizar ese proceso había que levanta-la viga facilitando o traballo e deixando espacio entre o trouso e a mesma viga. Unha vez situada a maja colocábase, cuns taboleiros de aproximadamente 4 cm unidos por uns puntais fortes de madeira de castaño cravados a través das táboas, encima unha peza de madeira cadrada que entraba por dentro do cadrado do trouso; era a porca.
A porca colocábase sobre a maja, sobre a porca poñíase o primeiro porco, que era o que máis pesaba, despois o segundo e, se xa chegaban porque non había máis espacio, apertábase un pouco e íase dando voltas ata que a pedra quedaba no aire e empezaba a saí-lo viño filtrado a través dunhas pallas que se poñían a maneira de coador.
Despois desta primeira apretadura íanse sacando os porcos e a porca pola parte de atrás deixando a porca arrimada á parede porque era moi incómoda; logo cunhas machetas vellas veireábase toda, dábaselle tamén uns piques no medio para logo volver a apertar outra vez recollendo, ó finalizar todo o proceso, a maja en paxes.
Esta maja sobrante deixábase na casa que coidaba o lagar para abona-las leiras ata que se empezou a destilar caña que foi cando cada un a levou para si.
Para torce-lo viño os propietarios, que eran varios, tiñan o acordo de ir tornándose entre eles para o cal se dirixían á casa do que coidaba o lagar para ver de non entorpece-lo labor uns dos outros.
|