Igrexa de San Salvador de Velouzás                
  Igrexa de San Xoán de Paderne   Igrexa de Santa María de Souto   Igrexa de San Pantaleón das Viñas        
Igrexa de San Andrés de Obre Igrexa de Santiago de Adragonte Igrexa de Santo Estevo de Quintas  
IGREXAS::Igrexa de San Xoan de Vilamourel<<volver  

 

Está situada na parroquia de Vilamourel, freguesía anexa de San Xoán de Paderne que engloba os lugares de Altamira, Batán, Calzada, Medín e Teixeiro.

O seu nome posiblemente veña da unión da palabra latina “Villa”, que designaba unha finca rural ou casa de campo, e de “Moure”, “Mourel” ou “Mourelo”, que sería un nome de persoa.

A igrexa responde á tipoloxía dos templos románicos da zona das Mariñas, cunha soa nave de forma rectangular cuberta de madeira e un ábside abovedado no interior.

No exterior a estructura está reforzada por contrafortes prismáticos nunha boa parte da nave e o ábside. As portas laterais son de carácter sinxelo, estreitas e con tímpano liso. Complementando o conxunto podemos observar a presencia de xanelas aspilleradas ou canzorros de traza sinxela, sen decoración, tanto na nave como no ábside.

 

Un dato interesante é o da torre que había neste lugar que, segundo Portela Pazos, foi destruída nas Revoltas Irmandiñas. No século XVII era coñecida como a Torre de Maceda, da que aínda queda constancia por un plano realizado por un crego de Pontedeume (Soraluce, 1984).

Hai que resaltar a presencia de dúas antefixas de tipoloxía románica, unha delas (a do testeiro da nave) descansa enriba dun touro, aínda que do animal unicamente está esculpida a cabeza.

A sancristía, parte dos muros e a fachada, son froito dunha reforma moderna, posiblemente de finais do século XVIII ou primeiros anos do XIX. A fachada presenta gran semellanza coa de Verís, con espadana barroca e unha hornacina enriba da porta, onde hai anos estaba a imaxe de San Xoán Evanxelista.

A bóveda da capela maior así como os dous arcos de sustentación son apuntados con semicolumnas pegadas e sinxelos capiteis.