Castro
de Insua
Localízase no extremo máis Noroccidental do Concello de Paderne, no Alto de Tixoso, no lugar de Insua pertencente a parroquia de San Pantaleón de Viñas. Goza de ampla visibilidade e dominio xeográfico, tanto para o interior coma sobre a costa, xa que se atopa a unha altura de 90 m sobre o nivel do mar.
As súas coordenadas xeográficas son: 43º 19´56´´ de latitude norte e 40º 30´54´´ de lonxitude Oeste.
Trátase dun recinto de pequenas dimensións. Os seus eixes principais son: Eixe Norte-Sur: 90 m, eixe Leste-Oeste: 92m; altura máxima Defensa (W): 8 m; altura de parapeto: 2 m. A Croa ten una planta circular case perfecta.
Atópase en estado de deterioro, nel non se pode falar de defensas, xa que non se aprecia un parapeto dende o interior, esta parte conservada da defensa está no cuadrante NW; tendo a súa altura máxima exterior ó W cun talude entre 6-8 m. coroada por un muro de lousa de mampostería. No resto do castro a defensa desapareceu, quedando só un desnivel sobre a terraza inferior de 2 a 3 m de altura.
É imposible encontra-lo emprazamento da porta dado o deterioro no que se atopa sumido; sendo uns dos poucos castros de As Mariñas que non conserva acceso ó seu interior. Tampouco quedan restos de fosos.
O interior da croa é plano na súa primeira metade e o resto vai declinando progresivamente ó leste.
Hoxe, dentro, pódense ver varios muretes divisorios de mampostería e no centro da croa hai un par de pequenos promontorios que sobresaen do chan.
Neste castro atopáronse algunhas pezas de cerámica moi fraccionada e unha “fusaiola”.
Pola súa situación elevada vese dende case toda a marxe esquerda da ría de Betanzos; esta posición estratéxica facilitaría a comunicación visual con outros recintos castrexos que aínda hoxe pódense distinguir como: o Castro de Xan Rozo ó SW, o Castro de Illobre máis o Norte, o castro de Bergondiño ó W, o castro de Meirás ó NW, o castro de Lois ó N e o de Sombreu ó NE.
|