Segundo algunhas fontes de información o nome do Concello significa “Saturno” (Deus romano relacionado coa actividade agrícola da semente) na antiga lingua dos celtas, pero outras fontes afirman que provén de “Paterni” e que faría alusión ó propietario agrícola dalgunhas terras do municipio, xa que “Paternus” significa paterno, pertencente ó pai, tendo en conta que o “Pater” latino non indica só paternidade física, senón tamén a función social do xefe de familia. Dalgún xeito, calquera das dúas versións atopa razóns de peso, pois nestas terras abundan os castros e os restos dos seus poboadores.
O 13 de maio de 1964 aparece na igrexa de Paderne un ídolo fálico prerromano, supostamente céltico e con fins relixiosos que actualmente se pode ver no Museo Arqueolóxico de A Coruña.
Unha mostra do patrimonio cultural de Paderne e polo tanto, parte da súa historia, é o sepulcro antropoide de Santiago de Adragonte situado na parte de atrás da igrexa parroquial; é un sepulcro ou sartego de tipo antropoide, de figura humana, anterior ó século XIII. Representa en moitos aspectos un caso singular dentro do estilo dos sepulcros antropomorfos e as súas características fan del unha peza importante no patrimonio cultural galego.
O noso municipio está cheo de historia e habería que remontarse a tempos moi afastados para atopa-los primeiros poboadores.
A liñaxe dos Andrade, marca desde a Idade Media, a historia deste fermoso municipio, como se observa no seu escudo municipal. Nel temos representada unha ponte cun porco bravo no medio e a cada extremo unha cuncha de vieira, símbolo de peregrinos, que fai referencia ó paso do Camiño Inglés de Santiago por Paderne.
Unha personaxe desta familia, Fernán Pérez de Andrade “O Bo” no século XIV, mandou construír unha ponte sobre o río Lambre para establecer unhas boas comunicacións entre Pontedeume e Betanzos, cabeza dos seus feudos, tamén chamada Ponte do Porco, nome que fai referencia ó xabaril que simboliza a casa dos Andrade.
Nesta ponte é onde probablemente ocurriu a lenda que deu lugar ó nome de Ponte do Porco e que é coñecida como a lenda de “Roxín Roxal e os amores da fidalga”.
Nela fálannos de Roxin Roxal, servidor do señor de Pontedeume, Don Nuno Freire de Andrade. Este mozo, criado polo señor de Pontedeume, namorouse de Teresa, xove filla do seu señor. Aínda que Roxin Roxal era correspondido pola nobre dama e contaba co afecto de Don Nuno, esta tivo que casar co señor de Osorio, Don Enrique, por orde do seu pai xa que o rapaz non era de nobre condición sendo Roxin desterrado a fin de evitar que o romance dificultara o casamento de Teresa.
|