Antiga fonte e balneario de augas sulfurosas, situado no Bocelo, na parroquia de Vilamourel, á beira do río Mandeo.
Os dous edificios do balneario, datan deste século, e hoxe están en estado ruinoso; a fonte aínda existe da que seguen bebendo algúns veciños, aínda que os accesos están en mal estado.
Os dous edificios de planta rectangular con dous pisos. Un deles está pegado ó manancial onde se atopa a fonte á intemperie con tres pequenos pilóns de pedra, un semella ser un pequeno alxibe e os outros dous pías para lavarse ó que se descende por unhas escaleiras de pedra. No interior aínda se poden ve-las bañeiras e unha caldeira de ferro onde se quentaba a auga para os baños, facendo lume debaixo. No outro edificio, máis grande, non quedan restos, polo que podería ser destinado a dar pousada á xente que alí acudía a cura-las súas doenzas.
O caudal da fonte é pequeno e a temperatura fría. As augas presentan un lixeiro sabor a ovos podres; escorren por un cano que alguén colocou recentemente sobre un boquete que se abre no muro ata a mina. Tanto o cano como a pedra sobre a que van caer están tinxidos de po branco característico do xofre.
O balneario foi moi concorrido nos anos 30, pero un incendio debastouno na década dos corenta quedando sumido no esquecemento. As augas usábanse en bebida para tratamento do fígado e en baños para o reuma e a pel.
|