Castro
de Adragonte
Atópase na parroquia de Adragonte en Paderne, no lugar de Areas, situada a 6 Km de Betanzos pola estrada comarcal C-640, que vai a Vilalba (Lugo). Esta localidade ocupa unha chaira en parte sinuosa que ronda os 315 m de altura media sobre o nivel do mar; sendo case a metade dela onde se empraza o “Monte do Castelo”, asentándose sobre un promontorio de rocha, que ven ser o único castro existente nesta parroquia.
Trátase dun recinto castrexo de pequenas proporcións, e que, dada a exigua e irregular plataforma do seu cume, inclínanos a ver nel máis unha atalaia defensiva que un habitáculo propiamente dito.
As súas medidas son: o eixe Norte-sur, mide 42 m, o eixe Leste -Oeste, 33 m; a máxima altura do talude exterior á croa,10 m; a altura media do muro defensivo no lado Norte-Este, 8 m.
Partindo de Betanzos, a 6,5 Km pola estrada de Vilalba, divísase como unha peculiar cerro “outeiro”, ateigada de vexetación arborescente, na que predominan os eucaliptos e piñeiros de boas dimensións, a uns 240 m de cara a dereita desta vía.
O castro ofrece uns lenzos esborrallados de muro defensivo nas súas porcións Norte e Leste.
Na súa parte Sur xamais debeu existir parapeto algún, xa que a natural pendente do monte favorece unha case total inexpugnabilidade por aquela parte, cuns 200 m.de talude moi acusado sen solución de continuidade; ademais dese muro que circunda todo o hemicastro Norte, existen outros dous lenzos murados de mampostería, un nordeste, con aproximadamente 17 m de lonxitude, que progresivamente se vai derrubando nos seus extremos, contra a lareira, deixando paso a unhas abruptas rochas batolíticas que conforman unha parede vertical sobre o foso; e o outro, que polo seu aspecto semella máis recente, ó que atribuímos a única misión de deslinde de propiedades pois, se na súa parte alta se inicia concéntrico ó castro, logo oriéntase perpendicularmente para correr costa abaixo ata o pé do monte (lado sur).
A porta, se de feito existiu algún día, debe corresponderse co único rebaixe do talude na súa cara Norte, que parece remontar lixeiramente sen chegar ó cimo. Non se aprecia outro acceso a través dos muros defensivos de non ser que se utilizara no propio foso, cando menos nalgúns dos seus sectores.
|